blog
xi

Querido irmán, como tal che falo.
Despois dun tempo, que sen el non era, decidínme dicirche ben pouca cousas a través do meu verbo escrito ben pouco expresivo e talentoso. Porén, terás que recoñecerme que máis vale tarde que nunca. Non ves! Non se me ocorre nada máis como escusa.
Fai uns días, miña dona, tamén estivo de aniversario – o pasado día trece deste mesmo mes – e na miña efusiva misiva facíalle referencia ao tempo, non ao tempo climatolóxico, como ben adiviñaches, senón ao que transcorre e vai pasando, aquel que nos finta, pásanos e adianta. Pois ben, non quixera, tamén hoxe, mal teorizar sobor do mesmo. Máis ben, aproveitándome del, falar do que nos quita e da, pero, sobre todo, do que nos relembra.
Os entendidos na materia din que pasado un certo tempo, para lembrarnos de certas facianas, temos que maxinarnos situacións concretas. E dicir, se temos que relembrar as persoas que nos importan, teremos que revivilos feitos con elas. Como podes ir observando, sigo falando do tempo.
No caso que me ocupa – que es ti – cando te relembro, o primeiro que me ven a cabeza, son as lembranzas cheas de saudades que se instalan – que eu quixera que ficaran –, pero que non acado reter, pero si manter. De todas elas, da máis nítidas, aparécesme nun campo de xogo: ti baixando unha bola caída do ceo cun control incríbel de peito e, de remate certeiro, eleva-los brazos en uve en clara sinal de vitoria, namentres pola banda atlética teu pai grita ao respectábel en francés “agalegado”: “C’est mons fils!”, ao tempo que este, teu irmán pequeno, quéimalle as mans de tanto bater nelas.
Con todo, e sen prexuízo de tódalas demais, o que con máis agarimo e ledicia agocho na miña alma, porque quizais sexa o que máis defíne-la personalidade e quen es, é o relembro que teño das festas de San Telmo de Tui, no que por primeira e derradeira vez, xuntos os dous, escoitábamos, abraiados ambos, a canción protesta dos que fuxían dos ventos a lombos apoloxéticos das inxustizas infrinxidas a nosa terra, esta, que tan descoñecida era para nos. Dende entón e até agora sei por que banda xogas: pola esquerda, a mesma que eu percorro á rebufo do meu irmán maior.
Aquilo data do xa afastado abril de 1978.
Como ves retorno ao que casque sempre me move a escribir estas misivas: o transcorrer do tempo, aínda que a verdadeira razón séxa-la escusa de manter contigo unha breve conversa en chave de relembro. Son un nostálxico, recoñezo-o, pero ti tamén deberás admitirme que, nestes casos, pouca marxe de evita-lo temos. Así que, aínda que non toque nestas liñas, coma se dunha despedida formal tratárase, non quixera desaproveita-la ocasión para enviarche os meus máis sinceros e sinxelos parabéns polo día do teu aniversario. Non indicarei nestes intres o mal gusto do tempo vivido.
O que de verdade importa é vivir, e deste xeito poder relembrar todas esas imaxes nas que tantas facianas revélanse noutros tantos momentos: eses que nos din quen somos, que nos fan recoñecíbeis aos ollos dos demais.
Agora si chegaron as verbas para a despedida, mais non quixera face-lo sen dicires o que, en resumo, pretendía transmitirche dende o principio destas poucas liñas escritas: “Como un Irmán che Falo, ti, Meu Meirande”.
Saúdos e até a vindeira.
“Como Un Irmán Che Falo”.
rpm ‘14
Euskadi-Galiza, abril 2014..
Deja una respuesta