Veño do país da choiva eterna. Veño da fin do mundo, da Fisterra. Son de onde a auga muda a eternidade en saudade e a saudade en nostalxia perenne. Veño da máis fermosa terra que a natureza, no seu infinito saber, puido parir. Veño da pedra e o vento do norte xélido e eterno. Son do país que os homes chamaron Gallaecia. Son da terra que os Deuses quixeron chamar Eternia. Son das terras altas da Zeltia, do fogar de Breogán.
Son mestura de terra e lume, ar e auga, morte e vida, costa e maradentro, esculpido nos meirandes e altos penedos terreais de escusas porcinas e canibalismo, de matanzas e sexualidade dos currunchos sen fin, silvestres e inhóspitos, máis aló do horizonte, da por do sol e da fin do mundo coñecido a carón de «Avalon», derradeira viaxe de «Artorius O Valedor.
Son do país bicado por dous mares. Atravesado polo noso Miño, as celestes terras de brancas profundidades, símbolo e cores da nosa bandeira. Son dos lares chamados Iria-Flavia, das lendas de barcas de pedra e campos estelares, da Santa Compaña e Santiago Matamamoros, das Meigas e meigallos, da morte e o infinito. Veño de onde a terra tínguese de todas as gamas do verde que se mesturan por entre as fragas e salcedas, os soutos e os outeiros. Cruzo ríos, subo lombas, baixo terrapléns. Son incansábel. Son camiñante na terra dos camiños: os fondos e frondosos, anchos e estreitos, longos e curtos, santos e terreais, en compaña ou só, pero sempre chego … nunca abandono … e aínda que ninguén saiba se vou ou veño, se subo ou baixo, eu, abofé, sei-no. Son da terra dos castros, as citanias, do Aloia, de Santa Tegra e os Ancares, son combatinte do día do Medulio. Son curmán do horizonte, irmán bretón, fillo dos celtas.
Fico entre os homes de voz rouca coma o roncón da nosa gaita, dos ledos femininos sons das muiñeiras, das brincadeiras notas do pandeiro, das risas con retranca. Son da terra das cantigas, de Rosalía, Follas Secas, Arume dos Pinos e Pondal, de onde a melancolía múdase en fala e a fala no meirande saber popular. De aló onde as musas véñense a inspirar e preñar da nosas músicas, de onde os poetas de verbas claras acadan debuxar a nosa Catedral e o pintor de limpos ollos erguidos describe o noso sorriso de Mona Lisa, que aos homes de lonxanas terras tanto lles fai dubidar. De aqueles que non nos entenden nin atenden.
Moro perante as pallozas dos Ancares, os lenes outeiros de Tras-Dos-Montes e Terras de Trives, o Val da Louriña e Terra Chá. Percorro o Camiño Santo entrando polo Pórtico da Gloria de Cebreiro ou Portugal, feito de prata ou a carón do norte sei que o meu camiñar é real. Son das terras Xacobeas, que só no seus lares podes acadar o Xubileu e dos seus homes santos a Compostela. Son peregrino, atraveso o mundo coñecido pola súa arteria principal. Veño do mesmo corazón da cristiandade, terra do eterno descanso do irmán carnal do mesmo Cristo. Son do país tocado pola man de Deus, sendo, as cinco Rías, altas e baixas, testemuña da meirande creación celestial.
Percorro a miña terra ao lombo de meu branco cabalo de escuma de mar ferrado en infernais curros entre empanadas e romarías, gaiteiros, santos milagreiros e Virxes curandeiras, poxas, misas e novenas, xantares e grolos de viño, dende a Mariña á Serra do Galiñeiro, da grega Tyde á Terra Chá e os cantóns ferroláns, emulando a «Junnius Brutus, Gallaiscus (O Galego)», que abrallado contemplou a morte a cotío do sol, engolfado pola Mar Océana, alumeando as irmás terras da «Atlántida».
Son irmandiño, dono dos Pazos de Ulloa, agóchome nas tebras da luz e amósome nos claros das sombras. Galeguizo Galiza, sendo galego, exercendo de galego. Son Suevo, vasallo de Hermerico, sucesor de Karriarico, nobre señor do Reino Bracarense. Teño sangue Bretoa, fala lusitana e corazón galaico. Son enxebre. Son un home do norte, que abriga no seu interior o sol que non ten fora. Son amante das máis belas mouras que moran no alto dos castros, louras doncelas de longos cabelos e limpa mirada, meigas dos feitizos namoradizos, meniñas elas feitas para amar. Durmo baixo todas as lúas da miña terra: a do mar de fondo, a crecente, a minguante, a da xaneira, a dos meigallos, chea ou nova, a que me namora, e deixo que o cansiño son da poalla me berce cos seus arrolos. Son das terras do oeste, dos días que sempre van na procura da luz, onde o sol sempre vense a deitar.
Son pirata de terra e contrabandista de mar, valente guerreiro, disciplinado soldado e astuto estratego que, armado cun candil e pacientes esperas, agochado entre tebras e brétemas, encalo en calquera das rías o máis forte e grande navío militar, e tanto me ten que sexa nas altas ou baixas, «planeo» nelas en longas ou curtas excursións a velocidade de lóstrego, coñecedor sen parangón das Illas Atlánticas, entre as que desaparezo sen que ninguén me poida atopar. Ou boto das Sacras Terras Sampaias ós Galos Dragóns Imperiais e reconquisto toda conquista invasora ou moral, mortal ou inmortal.
Veño do país dos feitizos, de terra meiga, de un só Deus e de ningún en particular. O país do Apóstolo e de discípulos de Baco, do bota-fumeiro e o alambique, das sagradas hostias e das bolas de pan. Vivo coa esperanza da vida eterna e da morte en Teixido. Non me amedrentan as tebras máis aló de tódolos santos e a fin do ano, porque sei que axiña chegará o día da luz e o nacemento e que, co vindeiro Entroido, todo rexurdirá. Son das terras dos conxuros da Queimada, remedio de mal de ollos, espanto dos malos espíritos, lume das Santas Campañas, purificadora das nosas ánimas. Báñome en fontes de clara auga morma ou entre catedrais, en quentes termas ou frescas pozas, entre lampreas e salmóns ou medusas e arroaces das frías e bravas augas da Mar Océana.
Son das terras Sacras e do viño ribeiriño, do Albariño arousán, dos caldos de Valdeorras e Amandi, do Condado e O Rosal. Moro entre as xentes de bo xantar, de padal fino e dente afiado, de sardiñas e pan de millo, de polbo e cachelos, de pan de broa e cunca de caldo. Veño de onde o marisco convértese en xantar de Deuses, despois de almorzar co leite da pinta ou marela e, de segundo, un chuletón «dakilo» de rubio boi manso.
Son mariñeiro, navegante máis aló dos setes mares, alén de Terra Nova, dos cabos de Boa Esperanza e de Fornos, das depresións do Gran Sol, dos furacáns e calmas pacíficas. Veño do país da Boa Nova dun novo mundo, onde tantos dos nosos irmáns finaron na procura das «Américas». Son «Gallego» na Arxentina, «Español» para os meus veciños. Son canteiro, afiador e «paragüero». Son labrego. Labro o meu destino de terra adentro cara o mar, e, sen ser profeta na miña terra, en calquera lar do planeta pódesme atopar.
Son ancestral coma o druída vido da Vía Láctea por mor do nosos castros, «menhires» e «crómlechs», até arribar a fin dunha viaxe alegórica de cara a morte rexeneradora, inspiración mística e artística de musas meigalladas irresistíbeis a Román Polanski e outros cinéfilos creadores de «O Conde Orloff e Os Náufragos Da Morte». Deito-me os luns o sol lendo a Farruquiño e a súas Odas ao «Hombre-Cerdo».
Camiño. Camiño tanto que emigro. E nesa longa viaxe só levo dúas mudas na maleta: saudade e morriña. Saudade dos meus e morriña da miña terra. Só deste xeito relembro con orgullo o que son Son Galego, Son Universal.
Oda a Galiza
rpm’12