XI
POR UM MUNDO MELLOR
Encomendóuseme para esta «COLECTÂNEA» escribir algo, e eu preguntei sobre que tema tiña que escribir, ou máis ben opinar, ao que contestáronme que o tema era libre porque trátase de escribir sobre un mundo mellor. E toda unha responsabilidade ao tempo que unha enorme honra, mais, sendo sincero, debo avisarvos que poida que me custe escribir, e non pouco, sobre un mundo mellor. Os máis optimistas tacharanme de pesimista, eu, pola contra, identificareime coma realista.
O mundo, por suposto, é sempre mellorábel, pero tamén empeorábel, se permitídesme o vocablo, e este tamén. Hai varias cousas coas que podemos mellora-lo mundo. Son as atemporais, as alleas ó tempo, as que nunca caducan, ás que sempre acabamos por acudir. Entre elas atópase a liberdade. Sen ela é imposíbel construírmos un mundo mellor. É máis, sen ela non se pode concibi-lo mundo, alomenos o mundo dos Homes para os Homes, e que ninguén agora síntase excluído nin polo seu xénero ni pola súa condición: cando escríbese Homes con maiúscula, quérese englobar a toda a raza humana. Emporiso, non se debe afasta-la liberdade da diversidade, sen esta, aquela non tería sentido, pois na diversidade de elección reside a auténtica liberdade.
Imaxinemos un mundo monocorde, dunha soa cor, mono-lingüístico, mono-sexual, sen diferenciación cultural e, o peor de todo, un mundo de pensamento único. Como pódese colixir, nun mundo onde todo aparenta ser igual, a igualdade non tería sentido, o mesmo ca liberdade, pois como no caso da diversidade, a igualdade non ten cabida sen a liberdade, e esta só pódese exercer na diversidade. Ser igual non concorda con sé-lo mesmo, a diferenciación, a mesma desigualdade, fainos ceibes converténdonos en seres únicos e irrepetíbeis. Na diversidade atoparemos todo canto queremos, fainos falla e até esiximos. Canto máis plural sexa, mellor, canto máis teñamos onde escoller, máis libre e independente será a nosa elección. A diversidade só pode entenderse dende a riqueza e a beleza. Ren hai máis belido, fermoso, que os matices dun cadro, ou os distintos sons dunha composición musical; ren máis arrequece que os diversos acentos dunha mesma fala, que as distintas formas de discrepar e actuar; ren máis humilde que compartir, que acepta-lo diferente; ren máis libre que o libre pensamento.
Vexo e escoito, alarmado e con moita preocupación, como o mundo vaise afastando da diversidade, como criterios e pensamentos xerais impóñense sobre os particulares sen outra razón ca da maioría, das modas, do politicamente correcto e ata da forza do meirande. Nun mundo globalizado onde todo quérese reducir ao mesmo, que non é, senón, máis que a imposición dun pensamento único de control do curral – non vaia a ser que un librepensador se saia do mesmo –, a individualidade, o ego, está máis presente que nunca, que non é diversificar, senón illar. Hai que estar o loro e online e a un clic de rato, mergullarte nun mundo virtual onde a diversa oferta ven determinada por un algoritmo interesado.
E a imposición é en tódolos ámbitos. Observo con arrepío coma tradicións e costumes centenarias, resultado dun enxebre arraigo folclórico, produto das xentes dunha determinada comunidade, van sendo substituídas, varridas e engulipadas por outras alén as fronteiras, derrubadas polas modas transitorias sometidas ao imperio do todopoderoso Don Diñeiro; como camiñamos a prol dunha recompensa económica sen sermos conscientes do prezo a pagar; como van suprimindo as chamadas «humanidades» da aprendizaxe escolar para mellor adoutrinar; como o saber práctico imponse ó saber teórico; como moi poucos acaparan-o todo, namentres reparten as faragullas do pastel entres os outros moitos máis (e como estes outros moitos máis séntense agradecidos); como todo vai xirando cara a obediencia cega e o non pensar; cara a crítica ó outro e a falla de autocrítica; cara a imposición pola forza en vez do razoamento; do insulto ó entendemento; da distancia ó achegamento; do dogmatismo á libre opinión; do negacionismo á verdade científica. E así poderíamos seguir até encher folios e folios en branco. A miña erudición, por desgraza, non chega a tanto, só son un home que quer pensar, o máis posíbel, por el mesmo. Unha tarefa, se cadra, máis próxima a unha quimera que a unha realidade, porque poida que eu posúa menos miolos que fe.
Esta COLECTÂNEA seica quer turrar por un mundo mellor. Eu tamén o desexo, e o desafío meirande co que nos enfrontamos, é co cambio climático. Un cambio ao que non se lle atopa nin precedentes nin parangón, alomenos, dende o punto de vista digamos que, ortodoxo, senón que, a esta ortodoxia, hai que sumarlle a nosa heterodoxia. Un cambio que obrigaranos a repensar os nosos paradigmas de conduta. Nunca antes na historia da humanidade acelerou- se tanto un proceso tan complexo e de tanta transcendencia como o que estamos a presenciar co requentar global do noso planeta: unha aceleración provocada e promovida pola acción do Home (aquí inclúo ós negacionistas – non me amolarei falando deles, pois negaranme con só lerme, e con quen me nega, non me le e non me escoita, ren teño que falar). Se nos, coma Humanidade, fomos quen de xerar semellante situación, temos que sermos capaces de reverte-la. Logo de destruír, hai que construír. Coma no caso da individualidade, que mídese non polas veces que se cae, senón polas que se ergue, a Humanidade ten, debe, canto antes, reconverterse nun só ente e rexurdir das súas cinzas morais, para, entoando o mea culpa, volver a senda do que dicimos (e a maioría cre) temos de humano, esa parte, cando menos, que máis achéganos a divindade. Eu volvo, unha vez máis, a saca-la miña sinceridade a pasear, e de novo volvo a contradicir aos puros de corazón, pero inxenuos optimistas, coa miña visión realista. A pregunta é clara: a que estamos dispostos a renunciar? Que entregará, cada un de nós, para a causa común?
É verdade que todos os tempos tiveron as súas dificultades. Agora mesmo, estamos vivindo a fin dunha era. Segundo postulan os entendidos na materia, coma os historiadores, a era actual, que está a toca-la súa fin, é a que corresponde á denominada era industrial (inda que nos estamos mergullados de cheo na post-industrial), da que poderíamos situa-lo seu comezo aló polos principios do século XIX e, sempre atendendo as mesmas fontes, calcúlase que cada era dura uns dous centos cincuenta anos, e dicir, dous séculos e medio aproximadamente. Estamos, polo tanto, a fin dunha era (din que finará aló polo 2050) e, por sucesión (está por ver se deixamos que iso aconteza) ó encomezo doutra (que xa empezamos a vivir – son o que teñen as transicións –): os que destas cousas entenden adiantáronse ao seu bautizo e, puxéronlle por nome, a Era Dixital e da Intelixencia Artificial. Deus nos pille confesados!, aínda que este ren teña que ver coas nosas tolerías, froito, sen dúbida, da nosa arrogancia. Usmo, e de novo o optimismo volverá a levarme a contra, que unha nova era de escravitude ameaza-nos: seremos, se non o impedimos, escravos, se non o somos xa, da tecnoloxía, das redes sociais, do mundo virtual e dos algoritmos. Unha sentencia, esta, que xa foi preconizado por mentes moito máis lúcidas e sabias que a miña, que viñan a dicir que a tecnoloxía volveríanos unha sociedade de estúpidos e, xa mentidos en faena e falando da estupidez, novamente boto man das mentes preclaras, sen poder deixar de citar o que un famoso ilustre deixou escrito: «A estupidez ten un gran poder; é capaz de facer que o home convértase no seu propio inimigo». Deberíamos ter máis en conta esas mentes preclaras, antes que facerlle caso a unha pantalla por máis artificialmente intelixente sexa.
Para rematar, se permitídesmo, quixera proporvos unha reflexión ou, se queredes, unha denuncia, que é, en definitiva, o que me empurrou a compor este escrito. E ten que ver coa miña lingua, o meu tan amado Galego. E non só pola lingua, a fala de meu pobo e devanceiros, senón coa cultura, e non só a galega, senón todas elas. O idioma non é máis cunha interpretación destas últimas, unha forma de pensar que fai que un pobo sexa o que é, e como é. Ren representa máis que a diferenciación cultural que unha lingua, é a que de verdade identifícate. E por iso que de novo volvo a observar e escoitar arrepiado como a nosa fala vai sendo, aínda que sexa paseniño, engulida polos duros acentos de Castela. Nada teño en contra da lingua de Cervantes, ben ó contrario, pois todas as miña novelas até o de agora, están escritas nese idioma. Foi, e non direi por desgraza, coa lingua coa que oficialmente educáronme (por razóns de todos coñecidas que agora non veñen a conto). E coa, a hora de escribir, se é que o acado, mellor me desenvolvo.
A miña desgraza, como a de tantos outros, foi non haber sido instruído na que é-me propia. Alí comezou, no só para min, senón para todo un pobo, a liquidación da nosa cultura. Levan-o tentando dende hai moito tempo e, até o de agora, non puideron con nós. No entanto, hai noticias alarmantes merecentes da nosa atención: segundo as estatísticas oficiais, por primeira vez o galego ven a recuar perante o castelán, constituíndose este na lingua vehicular en primeiro orde na nosa comunidade. Se permitimos cunha fala destrúa outra, estaremos a consenti-la morte, como xa ficou dito nesta exposición, dunha forma de pensar, de ser, de estar, de comportarse… dunha filosofía; en definitiva, dunha cultura, dun pobo, e non esquezamos que toda aquela emana deste e que, deste, todos formamos parte, pois todos (e para todos/todas os/as máis suspicaces) saímos del. Se queremos un mundo mellor temos que comezar pola base, como toda boa construción. Se permitimos que os pequenos detalles non sexan tidos en contra e desafiuzados do noso entendemento, do noso mesmo ser, seremos tan culpábeis como aqueles interesados que dese xeito queren que o vexamos.
Oín abraiado como un xornalista, que estivo moito tempo vivindo nos EE.UU., profetizaba o noso futuro afirmando habe-lo xa vivido; explicando como aquí, na España, estamos a importar costumes, sabenzas, como pouco aberrantes, do xigante de ultramar. Mesturar non é malo sempre e cando mellore o produto orixinal; a partir de aí, como se di popularmente, os ensaios con gasosa. Crer que as olivas prodúcense xa en rebandas porque así preséntanse nas pizzas, ademais dunha aberración, é unha mostra de supina ignorancia. Non podemos cargarlle todas as culpas ó individuo, a fin, a moitos deles ninguén se molestou en amosarlles a verdade, pois esta, sendo unha versión moitas veces destorcida da realidade, foi a única que aqueles viviron, viven, coñeceron e coñecen. Aquí temos un exemplo ben claro dos perigos dunha invasión cultural se esta non ven a enriquecer a autóctona. O xornalista víñanos a advertir do que el estaba a comprobar na España, onde xa moitos e moitas non saben de onde procede o leite, que este ven do tetrabrik ou directamente da neveira.
Tratei de esforzarme por querer ter sido máis optimista e con este escrito aportar un pouco máis de ledicia e esperanza, porén non albisco a dar cunha soa razón, un só feito, que me leve a pensar nun futuro mellor, co que, a melloría do mundo preséntaseme coma un proxecto, senón imposíbel, si o dabondo escuro como para non terlle demasiada fe, aínda que esta séxa-lo último que perdamos. Nos intres de soidade cada vez máis frecuentes, invádeme a angustia pensando no futuro. Logo anímome coa esperanza de que o amor será quen nos salve, esquecendo que, do amor, fai xa longo tempo que fómonos afastando. A el metémo-lo nunha célula e atendémo-lo a base de likes. Non o fago por enfastiar, eu tamén teño fillos.
rpm ‘25
Fornelos de Montes, marzo 2025.
Deja una respuesta