Categoría: Colaboracións

  • «COLECTÂNEA INTERNACIONAL»

    xiii
    entre o sonho e a realidade

    Entre o olvido e unha viaxe a ningunha parte

    «Él, por su parte, seguía defendiendo su inocencia ante las acusaciones de misantropía y misoginia. No era, a su juicio, ni una cosa, ni la otra, pero seguía «no amando» a la raza humana. Más que no amarla, desconfiaba de la misma y le tenía muy poca fe. Por mezquina, estúpida, arrogante y ególatra. La frase que más repetía a ese respecto era que, una vez que la raza humana se extinguiera, el planeta entero lo agradecería.

          Sabía reconocer, cómo no, los logros humanos, pero le costaba digerir que habiendo alcanzado el espacio o realizar cirugía a corazón abierto, por ejemplo, se perdía en miserias de toda índole como el poder y la avaricia; cómo levantando obras descomunales, arquitecturas imposibles y elevar el arte a cuotas inimaginables, era capaz de desarrollar un odio tan exacerbado hacia su prójimo; de ningunear e ignorar toda sapiencia y genialidad para rendirse y seguir ciegamente a engendros megalómanos y sociópatas; de aplaudir al necio y despreciar al sabio; de olvidar la verdad y entregarse a las fantasías de las falsas promesas y las más deleznables mentiras; presumir de raciocinio para luego dejarse embaucar por la ilógica falta de criterio; de salir en tromba en pos de la solidaridad, para luego dejar morir de hambre por oscuros intereses o el simple y llano mero hecho de no querer repartir; de matar a sangre fría sin motivo aparente; buscar la confrontación donde solo hay paz; crear sus propias guerras para no ser menos… ¿Cómo era todo ello posible? ¿En qué punto la contradictoria naturaleza humana se detenía?»

          Isto é un extracto do meu último traballo, aínda non publicado, titulado La sal de las lágrimas. Por que introduzo-o no mesmo comezo desta miña cativa aportación a XIII COLLECTÂNEA INTERNACIONAL, ENTRE O SOÑO E A REALIDADE, porque creo que o lector avezado saberá recoñecer o oportuno do extracto. 

          De entre os poucos, pero creo que dabondo e escollidos, hai-nos quen afirman que o tema elixido para esta Colectânea, ENTRE O SOÑO E A REALIDADE, está mesmo pensado para a miña  torpe pluma e escaso maxín, porque seica son un soñador cos pes pouco apegados o chan. Outros, pola contra, acúsanme de esgrimir un estilo tan basto como a mesma realidade. No entanto, quen mellor me coñeza, xurará que son un soñador que non esquiva o mundo real, pois alegará que estou máis próximo á misantropía ca filantropía. Esta argumentará que o que eu sosteño, non é máis que un soño, unha quimera mesma, namentres a misantropía é máis acorde ao xénero humano, pois no corazón deste aniña máis esta última que o soño de amar o próximo. Con todo, gustaríame empezar cun conto, ou pode que varios contos, bonito o bonitos, preto ou pretos a un soño. Pero ollo!, non son ningunha andrómena, son contos reais e, a realidade, como se di, sempre, ou case sempre, supera a ficción.

          Ante todo quero poñervos en antecedentes. Fai pouco que rematei de ler ou, mellor dito, de reler por cuarta ou quinta vez, un libro que me ten engaiolado dende a primeira vez que os meus ollos pousáronse sobre el. O seu título en castelán é, Una breve historia de casi todo,  de Bill Bryson. Non lin ata o de agora mellor introdución a obra literaria algunha, alomenos en canto ensaio, de todo canto teño lido, que segue sendo pouco, pero que me deu dabondo para escribir todo canto até o de agora teño escrito: pois no pracer de escribir, acóchase o pracer de ler. Quería aclarar este punto, pois os contos que quero contarvos é sacado dese libro. Non é o meu propósito que alguén acusárame de cometer plaxio.    

          Soñemos ou supoñamos que nos atopamos no ano 1860, na época na que un tal Edmon Halley y os seus amigos Chrstophher Wren e Robert Hooke apostaban nun café de Londres sobor da cuestión da forma da rotación da Terra o redor do Sol: se era circular ou elipsoidal. Semellante reunión anecdótica acabaría desembocando nos Principa de Isaac Newton, o cálculo do peso do noso planeta por parte de Henry Cavendish, e moitos máis logros incríbeis da humanidade. Namentres, na illa Mauricio, situada no océano Índico a uns 1300 km da costa de Madagascar, estábase a desenvolver un fito bastante menos filantrópico. Nese lugar, pode que algún mariñeiro ocioso, máis ben lacazán que traballador e de seguro esquecido, xunto ou en complot con outros da súa especie e probablemente con axuda inducida dalgún que outro animal doméstico, enfastiados ou a saber por que diantres, deulle por acosar e matar até o último dos dodos.

          E preguntarase o amábel lector, que é un dodo? Pois seica é unha ave non voadora de carácter confiado, pero sen talento para as carreiras, incapaz de fuxir a lume de carozo perante o acoso do mariñeiro ocioso, lacazán e esquecido e os seus secuaces, que semellaban atopar divertimento no acoso e derribo até a morte dunhas aves que o seu único delito fora vivir millóns de anos illadas pacificamente nunha illa perdida preto das costas de Madagascar no océano Índico, e non estar preparadas para a estupidez humana.

          É toda unha contradición, case nada ou ren sabemos dos derradeiros intres do derradeiro dodo. O único que poden afirmar, quen destas cousas entenden, é que a extinción do dodo a mans do ser humano, produciuse máis ou menos ao mesmo tempo que un ser humano daba a coñecer para posteridade os Principa.

          Outro caso paradigmático é o do periquito de Carolina. Pode que un dos paxaros máis fermosos e sorprendentes que nunca vivira en Norte América que, no seu máximo esplendor, só foi superado en número polas pombas migratorias. De cor verde esmeralda e cabeza dourada, o periquito de Carolina, foi, por desgraza, ademais de fermoso, considerado unha praga polos campesiños, é dicir, polos colonos invasores alén dos mares.. Estes, axiña decatáronse do doado que resultaba cazar esas aves, pois tiñan o costume de voar en bandadas moi densas e remonta-lo voo ó oír un tiro de arma de fogo, para de novo volver en voo rasante a ver o que lles acontecera aos seus camaradas caídos. A caza destes coitados paxaros foi tan implacábel que o derradeiro periquito de Carolina, chamado Inca, morreu en catividade no Zoolóxico de Cincinnati en 1918, menos de catro anos logo de morrer a derradeira pomba migratoria no mesmo parque.

          Mais, non só os campesiños, os colonos ou os mariñeiros lacazáns e esquecidos teñen a ben a práctica do exterminio doutras especies, neste caso paxaros, por aburrimento, diversión, pracer ou interese, senón que pro-homes e máis dun coas luces da ciencia, tamén dedicáronse con afán a borrar da face da terra criaturas que nunca mal algún fixeran. No caso dos campesiños, colonos ou mariñeiros esquecidos, poderiamos botarlle a culpa á ignorancia, o pouco entendemento e coñecemento dos seus escasos miolos; emporiso, que alegar no caso dos pro-homes e pseudo-científicos?

          Tal vez, para explicar este último caso, ímonos referir a un insólito caso por tratarse dun persoeiro, máis que insólito, único: o segundo barón de Rotschild, Lionel Walter Rosthschild, quen viviu toda a súa vida, de 1868 a 1937, recluído na á destinada ós nenos da súa mansión de Tring, en Buckinghamshire, sen aparentemente ren cambiar do seu mobiliario da infancia até o insólito feito de seguir durmindo na súa cama da nenez, a pesar de que chegaría a pesar 135 quilogramos. Abraiado, amábel lector?… pois a cousa non queda aquí.

          Eu penso que por desgraza a súa paixón foi a historia natural. E explicareime. Ese desexo, esa paixón, levouno o paroxismo da acumulación e posesión de calquera cousa, converténdose nun coleccionista enfermizo. Aos catro puntos cardinais enviou inxentes hordas de homes adestrados para abrirse camiños polos sitios e lugares más inhóspitos da Terra en busca de novos espécimes, sobre todo os voadores. Recompilados en caixas ou caixóns eran enviados a finca de Rothschild en Tring, onde unha morea de xente, suponse que cualificada, rexistraba-o e analizaba-o todo, producindo máis e máis libros, artigos, monografías… seica un total de 1200. A fábrica de historia natural de Rothschild procesou más de dous millóns de espécimes e engadiu 5000 especies de criaturas aos arquivos da ciencia.

          Con todo, a colección de Rothschild non foi nin moito menos a máis extensa, nin a que contou coa mellor financiación do século XIX. Esa honra, seica detena outro coleccionista británica tan rico e enfermizo como o seu sucesor, Hugh Cuming, que chegou a construír, na súa obsesión, un transatlántico, o cal dotou da súa correspondente tripulación, para navega-los sete mares co fin de recoller todo canto puideran atopar. Entre as súas innumerábeis coleccións, a máis célebre foi a que lle pasou a Darwin, a quen serviulle de base para o seu estudio fundamental. Con todo, Rothschild ostenta o título de coleccionista máis científico da súa época, pero, por desgraza, tamén o máis mortífero. 

          Cando o segundo barón de Rotschild interesouse por Hawai, foi o principio do fin para o arquipélago, alomenos e canto a súa fauna refírese. Coma no caso dos dodos, millóns de anos de illamento de nada serviron para a voracidade enfermiza do nomeado segundo barón de Rotschild. E, como non, os seus ollos fóronse a pousar nas aves. A traxedia destas aves hawaianas, non só era o seu peculiar, desexable e raro carácter, senón que, coma os dodos ou o periquito de Carolina, adoitaban ser pateticamente doadas de cazar. Acachoupado por timidez nas copa das árbores koa, o pimpín maior de análogo nome a árbore, sempre que alguén imitara o seu canto, abandonaba de contado o seu abeiro baixando a terra nunha mostra de benvida. O derradeiro da especie desapareceu no 1896, matou-no o maior asasino a soldo dos recolledores de especies do segundo barón de Rothschild, Harry Palmer, logo de cinco anos da desaparición do seu curmán o pimpín menor de koa,  un paxaro dunha rareza tan sublime que só chegouse a verse un: quen o matou para a colección de Rothschild. En apenas unha década que durou esta depredación, calculase que desapareceron unhas nove especies de aves hawaianas como mínimo. 

          Por suposto, nin Rothschild nin Cuming foron os únicos con ese afán de capturar aves a calquera prezo, incluíndo a morte. Hóuboos aínda máis implacábeis. Cando outro famoso coleccionista chamado Alanson Bryan decatouse, no 1907, de que matara as tres últimas espécimes de man negra, unha especie de ave de bosque que só facía unha década que fora descuberta polo ser humano, comentou que a noticia de semellante «alarde» enchera-o de «ledicia».

          Seguindo coas aves, pode que non acho xeito de comprender condutas tan miserábeis, por máis que se adoite a escusa-las e xustifica-las a prol da ciencia e dunha época. Como as demais aves aquí citadas, a papuxa de Bachman, oriúnda do sur dos Estados Unidos, famosa polo seu belido canto, cunha poboación máis ben escasa, foi diminuíndo até desaparecer aló polos anos trinta do século pasado, pasando varios anos sen que ninguén volvera a ver un só exemplar. Logo, no 1939, por unha coincidencia moi afortunada, dous «amantes» dos paxaros que vivían en localidades moi afastadas unha da outra, atoparon superviventes solitarios con só dous días de diferencia. Ambos mataron-nas.  

          Non só as aves sufriron os rigores da estupidez humana. Aló polo 1890, o estado de Nova Iorque recompensaba con cartos a caza do puma, por máis sabido que era que esta especie animal estaba preto da extinción. E non só o estado de Nova Iorque, senón máis dun dos que conformaban a Unión que, ata os anos corenta, subvencionaba a caza indiscriminada de calquera predador. Como a Virxinia Occidental, que concedía unha beca anual a quen presentase o maior número de animalias mortas. É dicir, case que calquera cousa que non se criase nas granxas ou non se tivese como animal de compañía, na súa acepción máis liberal.

          Pero esta  «teima» polas matanzas e o exterminio, no só é privativo dos EE.UU., na Australia do século XX, remunerouse a persecución a morte do tigre de Tasmania (o tilacino), un animal parecido a un can con raias de tigre polo lombo, até pouco antes de que morrera o derradeiro. Se un quer, hoxe, ver o derradeiro membro da especie única dos grandes marsupiais carnívoros dos tempos modernos, terá que achegarse ao Museo e Galería de Arte de Tasmania, Australia, e contentarse cunhas poucas fotografías e unha vella filmación de 61 segundos. Cando o derradeiro tilacino supervivente morreu, tiraron con el ao lixo o cabo dunha semana.

          Asusta formular certas cuestións acerca de nós, os seres humanos. As desaparicións da Idade da Pedra e as de épocas máis recentes son en realidade parte dun só acontecemento de extinción, segundo os entendidos neses mesteres, coma o paleontólogo da Universidade de Chicago David Raup, que deixo dito que a taxa básica media de extinción na Terra ao longo da historia biolóxica foi dunha especie cada catro anos. Segundo manteñen uns tales Richard Leaky e Roger Levin no seu libro A sexta extinción, a extinción causado polo ser humano pode ser até 120000 veces meirande. O máis probábel e posíbel é que os humanos son unha moi mala noticia para as demais formas de vida e o mesmo planeta.

          Poderiamos considerar este conto ou contos que acabo de expoñer coma unha historia ENTRE O SOÑO E A REALIDADE? Polo que deduzo, se alguén ou algo tivese a brillante idea de deseñar un organismo para que coidara a vida no noso cosmos solitario, para controlar cara onde vai e manter un rexistro de onde estivo, debería descartar coma elección ao ser humano. No entanto, é un paradoxo pensar que fomos elixidos polo destino, a providencia ou como queiramos que o chamemos. Parece ser que sómo-lo mellor que hai e que podemos ser todo o que hai. É unha inquedanza pensar que somos a meirande proeza do universo vivinte e, a súa vez, o seu maior pesadelo.

          Arrepíame a idea de que non temos nin idea do que estamos a facer. Ninguén sabe cando empezamos a facer o que estamos a facer e como isto afectará ó futuro. O que si sabemos é que só temos un planeta e que só unha especie, nós, ten a capacidade de cambia-las cousas. É unha bendición, unha verdadeira milagre que esteamos aquí; nós e calquera ser vivo. Xerar vida, calquera que sexa, é todo un triunfo e, coma humanos somos dobremente afortunados. Non só gozamos do privilexio da existencia, senón a capacidade singular de aprecia-la e comprende-la e, até incluso, de mellora-la, e perdémonos na nosa arrogancia até o punto de moldearnos deuses a nosa imaxe e semellanza. Deuses só nosos.

          Chegar ata esta posición de «privilexio» levounos pouco tempo. O Home moderno, o denominado sapiens sapiens, chegou a este planeta «antonte», pois levamos aquí vivindo só un 0,0001%, máis ou menos, da historia da Terra, e este fito, tan curto no tempo el, só acádase cunha cadea interminábel e incríbel de boa sorte. Un tempo e unha sorte que non valoramos, que directamente ignoramos, convencidos como estamos de que este planeta é noso, cando en realidade só estamos aquí de paso, e nunca coma propietarios, senón coma inquilinos.  

          Gustaríame que o que acabo escribir, que o conto ou contos que dixen ía contar, fora, iso, un conto ou contos. Ou máis ben un soño xa que estamos a falar entre o soño e a realidade. Un soño que como a traxedia grega ou esas fábulas morais aprendéranos algo, como a non querer te-lo mellor, senón a querer ser mellor; a educarmos a conciencia de que o planeta non é noso, senón que nós pertencemos a el; que a mellor ferramenta que temos para acada-lo somos nós mesmo, e que o mal non reside na ausencia do ben, aínda que eu sexa dos convencidos de que así é, senón na nosa intrínseca estupidez. 

          Por desgraza, este conto ou contos que acabo de contar corrobora esta última afirmación e lonxe está de ser un soño: é a realidade crúa relatada por xente moito máis sabia que eu, e ás que deberíamos facer moito máis caso, pois é a única que pode encamiñarnos cara a luz dende a caverna da estupidez. Eu só quero, sen querer parecer ren arrogante, aporta-lo meu pequeno raio de claridade recollendo a sabedoría que un libro tentou aniñar na miña mente, miña conciencia e o meu corazón. Non son tan soberbio para pensar que por máis veces que lea un libro, todo o seu contido e todo canto quéreme transmitir, vai ficar indefinidamente na miña mente, pero quero pensar, porque así tamén o lin, que do lido, unha mente media, quédase cun 25% e, do copiado ou escrito, un 30%. Teño lido algo e podería darme satisfeito se esta bagaxe lectora ficara en min con esas porcentaxes. Isto si que sería un soño!

          Mais a realidade, teimuda ela, séguenos a marca-lo paso, coma se o ser humano non tivera remedio, e eu teimo que así é. Hai-nos máis esperanzados e apostan pola fe asegurando que chegados á beira do abismo, recapitularemos e rectificaremos para acabar salvándonos. Outro bonito conto, un soño máis preto dunha quimera que dunha realidade. Chegamos aquí apenas fai uns días, e dicir, como adoita dicirse, o outro día, e permaneceremos aquí pode que até pasado mañá ou, no mellor dos casos, a vindeira semana. E non porque estea escrito, ou sexa, porque é o noso destino, nin sequera porque as extincións biolóxicas son parte mesma desta experiencia na Terra, senón porque nós mesmos cavaremos as nosas propias fosas mortais. Que ninguén que isto lea se anoxe comigo, moitos son os que prognostican que este mundo iríalle mellor con nós fora del.

          Dende o comezo da nosa andaina por estes lares fomos deixando, para ben o para mal, a nosa pegada. Fomos transformando a natureza, a nosa contorna, cos medios que tíñamos ao noso alcance ou aqueles que fomos creando, inventando e até enxeñando. E dicir, fomos creando o que se coñece por cultura. E ren ten de malo crear cultura. Ben o contrario… pero até que punto fómo-la creando axeitadamente, na forma de acomodar a natureza e a contorna a nós, ou de nós integrarnos, fusionarnos con  estas dúas últimas? Sería un conto, case que un soño, dabondo máis bonito, un soño en realidade, que nós adaptarámonos ao que nos foi dado e non transformar este agasallo en obxecto do noso egoísta interese.

          Até aquí, só mencionei as desventuras por exterminio forzado a mans do ser humano de apenas sequera media ducia de aves. Pero, canto xa exterminamos e fomos destruíndo, esnaquizando, ao longo de todo este curto periplo dende que andamos por aquí? Xa quedou exposto. Mais se detémonos nestes tempos, dende logo, a destrución é demoledora, case que inesgotábel, sen parangón. Calquera mente medianamente informada dará boa conta do que estou a afirmar: revolución industrial, revolución tecnolóxica, quecemento global, etc.

          Por último quixera rematar como comecei, referíndome ao libro que ao principio deste facía alusión e, concretamente a súa introdución. Se as pasaxes anteriores son baseadas, están inspiradas nese devandito libro, Una breve historia de casi todo, até o punto que algunhas frases ou comentarios son case que calcados ao orixinal, o que ven a continuación é literalmente o que está escrito o comezo da súa introdución (neste caso traducido por min do castelán ao galego). E cito:

          «Benvidos. E parabéns. Estou encantado de que puideses consegui-lo. Chegar até aquí non foi doado. Sei-no. E ata sospeito que foi algo máis difícil do que ti cres.

          En primeiro lugar, para que agora esteas aquí, tiveron que agruparse dalgún xeito, dunha forma complexa e estrañamente servizal, trillóns de átomos errabundos. É unha disposición tan especializada e tan particular que nunca intentouse antes e que só existirá esta vez. Durante os próximos moitos anos – temos esa esperanza –, estas pequenas partículas participarán sen queixa en tódolos miles de millóns de habelenciosas tarefas cooperativas necesarias para manterte intacto e permitir que experimentes ese estado tan agradábel, pero tan a miúdo infravalorado, que chámase existencia. […]»

          Non sería isto, acaso, un soño? E por que teimamos en converte-lo nun pesadelo de realidade?… A resposta sempre foi, é e será nosa.          

    rpm ‘26

    Fornelos de Montes, marzo 2026

    Una mujer de espaldas contempla un paisaje fantástico dividido entre un cielo azul y uno atardecido, con el texto "ENTRE EL SUEÑO Y LA REALIDAD" en la parte superior.
  • «COLECTÂNEA INTERNACIONAL»

    XI
    POR UM MUNDO MELLOR

          Encomendóuseme para esta «COLECTÂNEA» escribir algo, e eu preguntei sobre que tema tiña que escribir, ou máis ben opinar, ao que contestáronme que o tema era libre porque trátase de escribir sobre un mundo mellor. E toda unha responsabilidade ao tempo que unha enorme honra, mais, sendo sincero, debo avisarvos que poida que me custe escribir, e non pouco, sobre un mundo mellor. Os máis optimistas tacharanme de pesimista, eu, pola contra, identificareime coma realista.

          O mundo, por suposto, é sempre mellorábel, pero tamén empeorábel, se permitídesme o vocablo, e este tamén. Hai varias cousas coas que podemos mellora-lo mundo. Son as atemporais, as alleas ó tempo, as que nunca caducan, ás que sempre acabamos por acudir. Entre elas atópase a liberdade. Sen ela é imposíbel construírmos un mundo mellor. É máis, sen ela non se pode concibi-lo mundo, alomenos o mundo dos Homes para os Homes, e que ninguén agora síntase excluído nin polo seu xénero ni pola súa condición: cando escríbese Homes con maiúscula, quérese englobar a toda a raza humana. Emporiso, non se debe afasta-la liberdade da diversidade, sen esta, aquela non tería sentido, pois na diversidade de elección reside a auténtica liberdade.

          Imaxinemos un mundo monocorde, dunha soa cor, mono-lingüístico, mono-sexual, sen diferenciación cultural e, o peor de todo, un mundo de pensamento único. Como pódese colixir, nun mundo onde todo aparenta ser igual, a igualdade non tería sentido, o mesmo ca liberdade, pois como no caso da diversidade, a igualdade non ten cabida sen a liberdade, e esta só pódese exercer na diversidade. Ser igual non concorda con sé-lo mesmo, a diferenciación, a mesma desigualdade, fainos ceibes converténdonos en seres únicos e irrepetíbeis. Na diversidade atoparemos todo canto queremos, fainos falla e até esiximos. Canto máis plural sexa, mellor, canto máis teñamos onde escoller, máis libre e independente será a nosa elección. A diversidade só pode entenderse dende a riqueza e a beleza. Ren hai máis belido, fermoso, que os matices dun cadro, ou os distintos sons dunha composición musical; ren máis arrequece que os diversos acentos dunha mesma fala, que as distintas formas de discrepar e actuar; ren máis humilde que compartir, que acepta-lo diferente; ren máis libre que o libre pensamento.

         Vexo e escoito, alarmado e con moita preocupación, como o mundo vaise afastando da diversidade, como criterios e pensamentos xerais impóñense sobre os particulares sen outra razón ca da maioría, das modas, do politicamente correcto e ata da forza do meirande. Nun mundo globalizado onde todo quérese reducir ao mesmo, que non é, senón, máis que a imposición dun pensamento único de control do curral – non vaia a ser que un librepensador se saia do mesmo –, a individualidade, o ego, está máis presente que nunca, que non é diversificar, senón illar. Hai que estar o loro e online e a un clic de rato, mergullarte nun mundo virtual onde a diversa oferta ven determinada por un algoritmo interesado.

          E a imposición é en tódolos ámbitos. Observo con arrepío coma tradicións e costumes centenarias, resultado dun enxebre arraigo folclórico, produto das xentes dunha determinada comunidade, van sendo substituídas, varridas e engulipadas por outras alén as fronteiras, derrubadas polas modas transitorias sometidas ao imperio do todopoderoso Don Diñeiro; como camiñamos a prol dunha recompensa económica sen sermos conscientes do prezo a pagar; como van suprimindo as chamadas «humanidades» da aprendizaxe escolar para mellor adoutrinar; como o saber práctico imponse ó saber teórico; como moi poucos acaparan-o todo, namentres reparten as faragullas do pastel entres os outros moitos máis (e como estes outros moitos máis séntense agradecidos); como todo vai xirando cara a obediencia cega e o non pensar; cara a crítica ó outro e a falla de autocrítica; cara a imposición pola forza en vez do razoamento; do insulto ó entendemento; da distancia ó achegamento; do dogmatismo á libre opinión; do negacionismo á verdade científica. E así poderíamos seguir até encher folios e folios en branco. A miña erudición, por desgraza, non chega a tanto, só son un home que quer pensar, o máis posíbel, por el mesmo. Unha tarefa, se cadra, máis próxima a unha quimera que a unha realidade, porque poida que eu posúa menos miolos que fe.

           Esta COLECTÂNEA seica quer turrar por un mundo mellor. Eu tamén o desexo, e o desafío meirande co que nos enfrontamos, é co cambio climático. Un cambio ao que non se lle atopa nin precedentes nin parangón, alomenos, dende o punto de vista digamos que, ortodoxo, senón que, a esta ortodoxia, hai que sumarlle a nosa heterodoxia. Un cambio que obrigaranos a repensar os nosos paradigmas de conduta. Nunca antes na historia da humanidade acelerou- se tanto un proceso tan complexo e de tanta transcendencia como o que estamos a presenciar co requentar global do noso planeta: unha aceleración provocada e promovida pola acción do Home (aquí inclúo ós negacionistas – non me amolarei falando deles, pois negaranme con só lerme, e con quen me nega, non me le e non me escoita, ren teño que falar). Se nos, coma Humanidade, fomos quen de xerar semellante situación, temos que sermos capaces de reverte-la. Logo de destruír, hai que construír. Coma no caso da individualidade, que mídese non polas veces que se cae, senón polas que se ergue, a Humanidade ten, debe, canto antes, reconverterse nun só ente e rexurdir das súas cinzas morais, para, entoando o mea culpa, volver a senda do que dicimos (e a maioría cre) temos de humano, esa parte, cando menos, que máis achéganos a divindade. Eu volvo, unha vez máis, a saca-la miña sinceridade a pasear, e de novo volvo a contradicir aos puros de corazón, pero inxenuos optimistas, coa miña visión realista. A pregunta é clara: a que estamos dispostos a renunciar? Que entregará, cada un de nós, para a causa común?

          É verdade que todos os tempos tiveron as súas dificultades. Agora mesmo, estamos vivindo a fin dunha era. Segundo postulan os entendidos na materia, coma os historiadores, a era actual, que está a toca-la súa fin, é a que corresponde á denominada era industrial (inda que nos estamos mergullados de cheo na post-industrial), da que poderíamos situa-lo seu comezo aló polos principios do século XIX e, sempre atendendo as mesmas fontes, calcúlase que cada era dura uns dous centos cincuenta anos, e dicir, dous séculos e medio aproximadamente. Estamos, polo tanto, a fin dunha era (din que finará aló polo 2050) e, por sucesión (está por ver se deixamos que iso aconteza) ó encomezo doutra (que xa empezamos a vivir – son o que teñen as transicións –): os que destas cousas entenden adiantáronse ao seu bautizo e, puxéronlle por nome, a Era Dixital e da Intelixencia Artificial. Deus nos pille confesados!, aínda que este ren teña que ver coas nosas tolerías, froito, sen dúbida, da nosa arrogancia. Usmo, e de novo o optimismo volverá a levarme a contra, que unha nova era de escravitude ameaza-nos: seremos, se non o impedimos, escravos, se non o somos xa, da tecnoloxía, das redes sociais, do mundo virtual e dos algoritmos. Unha sentencia, esta, que xa foi preconizado por mentes moito máis lúcidas e sabias que a miña, que viñan a dicir que a tecnoloxía volveríanos unha sociedade de estúpidos e, xa mentidos en faena e falando da estupidez, novamente boto man das mentes preclaras, sen poder deixar de citar o que un famoso ilustre deixou escrito: «A estupidez ten un gran poder; é capaz de facer que o home convértase no seu propio inimigo». Deberíamos ter máis en conta esas mentes preclaras, antes que facerlle caso a unha pantalla por máis artificialmente intelixente sexa.

          Para rematar, se permitídesmo, quixera proporvos unha reflexión ou, se queredes, unha denuncia, que é, en definitiva, o que me empurrou a compor este escrito.  E ten que ver coa miña lingua, o meu tan amado Galego. E non só pola lingua, a fala de meu pobo e devanceiros, senón coa cultura, e non só a galega, senón todas elas. O idioma non é máis cunha interpretación destas últimas, unha forma de pensar que fai que un pobo sexa o que é, e como é. Ren representa máis que a diferenciación cultural que unha lingua, é a que de verdade identifícate. E por iso que de novo volvo a observar e escoitar arrepiado como a nosa fala vai sendo, aínda que sexa paseniño, engulida polos duros acentos de Castela.  Nada teño en contra da lingua de Cervantes, ben ó contrario, pois todas as miña novelas até o de agora, están escritas nese idioma. Foi, e non direi por desgraza, coa lingua coa que oficialmente educáronme (por razóns de todos coñecidas que agora non veñen a conto). E coa, a hora de escribir, se é que o acado, mellor me desenvolvo.

          A miña desgraza, como a de tantos outros, foi non haber sido instruído na que é-me propia. Alí comezou, no só para min, senón para todo un pobo, a liquidación da nosa cultura. Levan-o tentando dende hai moito tempo e, até o de agora, non puideron con nós. No entanto, hai noticias alarmantes merecentes da nosa atención: segundo as estatísticas oficiais, por primeira vez o galego ven a recuar perante o castelán, constituíndose este na lingua vehicular en primeiro orde na nosa comunidade. Se permitimos cunha fala destrúa outra, estaremos a consenti-la morte, como xa ficou dito nesta exposición, dunha forma de pensar, de ser, de estar, de comportarse… dunha filosofía; en definitiva, dunha cultura, dun pobo, e non esquezamos que toda aquela emana deste e que, deste, todos formamos parte, pois todos (e para todos/todas os/as máis suspicaces) saímos del. Se queremos un mundo mellor temos que comezar pola base, como toda boa construción. Se permitimos que os pequenos detalles non sexan tidos en contra e desafiuzados do noso entendemento, do noso mesmo ser, seremos tan culpábeis como aqueles interesados que dese xeito queren que o vexamos.

          Oín abraiado como un xornalista, que estivo moito tempo vivindo nos EE.UU., profetizaba o noso futuro afirmando habe-lo xa vivido; explicando como aquí, na España, estamos a importar costumes, sabenzas, como pouco aberrantes, do xigante de ultramar. Mesturar non é malo sempre e cando mellore o produto orixinal; a partir de aí, como se di popularmente, os ensaios con gasosa. Crer que as olivas prodúcense xa en rebandas porque así preséntanse nas pizzas, ademais dunha aberración, é unha mostra de supina ignorancia. Non podemos cargarlle todas as culpas ó individuo, a fin, a moitos deles ninguén se molestou en amosarlles a verdade, pois esta, sendo unha versión moitas veces destorcida da realidade, foi a única que aqueles viviron, viven, coñeceron e coñecen. Aquí temos un exemplo ben claro dos perigos dunha invasión cultural se esta non ven a enriquecer a autóctona. O xornalista víñanos a advertir do que el estaba a comprobar na España, onde xa moitos e moitas non saben de onde procede o leite, que este ven do tetrabrik ou directamente da neveira.

          Tratei de esforzarme por querer ter sido máis optimista e con este escrito aportar un pouco máis de ledicia e esperanza, porén non albisco a dar cunha soa razón, un só feito, que me leve a pensar nun futuro mellor, co que, a melloría do mundo preséntaseme coma un proxecto, senón imposíbel, si o dabondo escuro como para non terlle demasiada fe, aínda que esta séxa-lo último que perdamos. Nos intres de soidade cada vez máis frecuentes, invádeme a angustia pensando no futuro. Logo anímome coa esperanza de que o amor será quen nos salve, esquecendo que, do amor, fai xa longo tempo que fómonos afastando. A el metémo-lo nunha célula e atendémo-lo a base de likes.  Non o fago por enfastiar, eu tamén teño fillos.

    rpm ‘25

    Fornelos de Montes, marzo 2025.

  • «COLECTÂNEA INTERNACIONAL»

    X
    CAMINHO

    Os Camiños da Vida

    rpm ’24

    Vinte e seis anos xa pasaron
    e aínda os meus ollos non se acostumaron
    a esquecer o que choraron,
    o que aquela noite virou
    pasar no corredoiro daquel vagón
    ao que me alombaron.

    Vinte seis anos que non semellan tanto
    e que tanto tempo pasou tan rápido,
    que este curto/longo tempo
    non me fai esquece-lo lembrado
    Por todo o chorado
    Do que atrás ía deixando.

    O tren ía rápido, tanto,
    que os vinte e seis anos tragaron,
    nos que só fica o lembrado
    por uns ollos que choraron
    aquilo que ía deixando
    e que a esquecer se negaron.

    E o anos pasaron
    como aquel tren rápido,
    i en ningunha parada se detiveron
    a non ser polo programado,
    en non precisamente polos que viaxaron
    dun punto a outro lado.

    E o tren seguiu avanzando,
    estación tras estación
    ía deixando,
    e os ollos viron
    ao longo do percorrido
    como a viaxe dos anos foi-se descompondo.

    Vinte e seis anos xa pasaron
    e se semella que sigo naquel vagón
    onde os meus ollos seguen chorando
    vendo o que atrás ían deixando:
    anos que non volveron,
    que no pasado ficaron.

    Case que do tren non me lembro,
    nin don vagón no que ía viaxando
    e da fiestra na que fun chorando;
    esa pola que a miña mente puido
    capta-las lembranzas que esquecendo-se foron,
    as imaxes que da viaxe ficaron.


    O Tren Dos Anos
    rpm ‘21

    Sempre loitas deica o fin
    e no fin morres.
     
    Morres no fin
    por loitar polo que queres.
     
    Queres o que non podes,
    mais por non poder queres.
     
    Recorres un camiño
    que non ten senso,
    que vives por vivir
    por non esquecer o sido.
     
    O sido que non fuches,
    o sido que non serás.
    Camiño de verbas
    que nunca entenderás.

    Camiño de Verbas que Nunca Entenderás
    jmpp ‘79

          Estes son uns versos, un poema dun bo amigo meu dos tempos de Instituto, José Manuel Pérez Porto, alguén que sen dúbida algunha influíu en min coma escritor. Os camiños da vida afastaron-nos e o último que souben del foi que se Licenciou en Dereito e casou en Ferrol, onde exerce como avogado.

          Unha aperta, amigo.

    Na fin chegou.
    Chegou e lembrou.
    Lembrou o sido,
    o que foi
    e o que nunca quixo ser.
    Na fin chegou.