X
CAMINHO

Os Camiños da Vida
rpm ’24
Vinte e seis anos xa pasaron
e aínda os meus ollos non se acostumaron
a esquecer o que choraron,
o que aquela noite virou
pasar no corredoiro daquel vagón
ao que me alombaron.
Vinte seis anos que non semellan tanto
e que tanto tempo pasou tan rápido,
que este curto/longo tempo
non me fai esquece-lo lembrado
Por todo o chorado
Do que atrás ía deixando.
O tren ía rápido, tanto,
que os vinte e seis anos tragaron,
nos que só fica o lembrado
por uns ollos que choraron
aquilo que ía deixando
e que a esquecer se negaron.
E o anos pasaron
como aquel tren rápido,
i en ningunha parada se detiveron
a non ser polo programado,
en non precisamente polos que viaxaron
dun punto a outro lado.
E o tren seguiu avanzando,
estación tras estación
ía deixando,
e os ollos viron
ao longo do percorrido
como a viaxe dos anos foi-se descompondo.
Vinte e seis anos xa pasaron
e se semella que sigo naquel vagón
onde os meus ollos seguen chorando
vendo o que atrás ían deixando:
anos que non volveron,
que no pasado ficaron.
Case que do tren non me lembro,
nin don vagón no que ía viaxando
e da fiestra na que fun chorando;
esa pola que a miña mente puido
capta-las lembranzas que esquecendo-se foron,
as imaxes que da viaxe ficaron.
O Tren Dos Anos
rpm ‘21


Deste xeito deixaba plasmado, fai uns anos atrás, o que describiría coma unha desas viaxes sen retorno, deses camiños que dificilmente volvemos a desandar. Neles, claro está, agarda-nos todo canto neles deixamos, pero que poucas veces recuperamos. É o tren da vida, o da nosa experiencia vital, o do camiño de ferro, de pedra, de terra, de asfalto e ata de ar, lume e auga, que imos atravesando o longo da nosa existencia.
Aquela viaxe, inda que no meu relembro ficou como dolorosa, foi a que me devolveu á miña orixe, ó meu lar. A terra que me veu nacer, aquela que fun descubrindo até ama-la entre os seus camiños, congostras, carreiros, vieiros… pois é a Terra dos Camiños e eu, fachendoso, pertenzo a ela. Para quen non dea crédito do que afirmo, que olla e lea, pois aquí deixarei-lle constancia dos Camiños da Galiza, dos que te levan a ela, os que te achegan; os que podes percorrer polas súas entrañas, e até os que te afastan do seus lares. Son tantos que só esbozarei os máis salientábeis, se é que algún sobresae sobre os demais.
Algúns son deses que xa expuxen, como son as congostras, carreiros e vieiros, pero na terra da Santa Compaña todo camiño e pouco, pois esta chega onde ninguén pode chegar. E non son camiños sinxelos, de longas rectas e estancias agradábeis, senón de curvas e contra-curvas con paisaxe variante, lúgubres nalgunhas ocasións, reconfortantes noutras, pero sempre fermosos, pois deles sempre algo aprende-se.
Como non imos aprender se o que estamos a pisar é terreo sagrado? Dúbidas?, pois por eses mesmos camiños transita a arteria principal da cristiandade, aquela que nos leva até Santiago, o irmán carnal do mesmo Cristo! Só aquí pode-se acadar o xubileo e consegui-la Compostela; só nesta miña terra meiga poderás obte-la túa redención. E non te preocupes polo camiño a tomar, pois de onde queiras que saias, estarás a emprende-la túa viaxe cara a onde queiras chegar ou aquel te levará. Non desesperes, sempre chega á fin e do teu peregrinar tera-la súa recompensa debida, pois sabido é que os camiños, e non só do Señor, son inescrutábeis, e que este tivo a ben, no seu paraíso terreal, establecer a san Andrés a quen, de morto ou de vivo, acudirás, pois ao seu santuario peregrinarás.
E xa que estamos inmersos nese mundo da Galiza máxica, espiritual e meiga, non podemos obviar, remitindo-me novamente a ela, á Santa Compaña e o longo andar que percorre por tódolos camiños e currunchos do meu chan; as veces, fúnebre e maldito, mais, lembra, sempre sagrado. Pode que algún día ti teñas que presidi-la comitiva de acó para aló sen rumbo coas ánimas dos defuntos que camiñan entre aquí e o alén, pois a morte e a vida non teñen, neste recuncho do mundo de espíritos ceibes, inconveniente algún de iren da man… No Walpurgis, na claridadeda noite de Beltane emprendera-la marcha cara ó Samaín, a calixe, o fin de ano, a fin dun ciclo, mais tamén onde todo volve a renacer, porque o vivir non é máis que unha roda que xira sen fin, un camiño no que, por máis que o andes, nunca atoparás o derradeiro día.
Neses camiños acompañado da Santa compaña, e onde a mitoloxía mestura-se coa paisaxe e o percorrer do nosos pasos, pode que te atopes polos máis solitarios dos mesmos con Ankou, o vixía do cemiterio e emisario da morte para o nosos irmáns bretóns, a carón das banshees do Eire, eses espíritos femininos que veñen a anunciar-te as malas novas dos teus máis achegados. E pode tamén que veñan acompañadas dos cwn Annwn, os cans do averno de Wales, que cos seus lamentos presaxian a chegada da parca…
Isto só é posíbel nos países celtas, como o noso, mais, noutras latitudes, son-che os mesmos contos con distinto nome. Porque os camiños, o mesmo camiñar, é para todos a aventura da vida. Non importa onde se prodiguen e o dificultoso que sexan, o angosto que se nos presenten, as curvas que debamos tomar, as pendentes a bater ou o número de carreiras e pasos a dar, todos conducira-nos aló onde está escrito debemos ficar, a nós só queda-nos aplicarmos no bo camiñar, que non só é o recto, senón o xusto, aquel que debemos elixir para sermos libres. E non será de seguro o máis doado, pero si o menos vergoñento, o que de verdade enchera-te de satisfacción por máis desgustos que te dea. Será o teu, e só teu, de aí a importancia da elección do mesmo, porque non se pode desandar o andado. Como moito podes-te desviar, pero ollo co atallo que tomes, pois as máis das veces, teimar por chegar antes, non asegura a vitoria; sequera a chegada.
A miúdo sentiras-te derrotado, aflixido pola carga dos pasos a dar, e quererás abandonar, mais non te desanimes, o mesmo andar indicara-che o camiño a tomar, só fai falla que lle fagas caso o teu corazón. Dubidarás, como non?, pero se o teu paso é firme, ningunha dificultade, por grande que sexa, impedira-che segui-la túa marcha e aínda de xeonllos continuarás camiñando cara o teu destino, ese que ti fuches labrando como o arado labra a terra. E non deixes que ninguén che marque o rumbo, non esperes a que che indiquen o camiño a seguir; escoita, iso si, mais non esquezas que quen camiña contigo non é ti, e que ninguén vai-no facer por ti. Non te laias convencendo-te de que a túa mala fortuna ren ten que ver contigo, senón das malas compañías coas que polo camiño vas-te xuntando: ti es o único responsábel da túa derrota; só de ti depende a toma de decisións; a elección é túa, porque de ti só depende o que queiras e a quen queiras escoitar.
Non camiñes só, pero escolle ben con quen viaxar e aprende de quen camiñe a túa beira, pois, se das con quen estaba-te a esperar, será a mellor axuda que poidas obter, a que fará que sigas cara adiante ata que o teu destino sexa-te revelado, namentres só poderás face-lo que poidas para que este se mude ao máis achegado dos mellores dos soñados. E, con quen xa deixou de esperar-te, chegado o cabo do camiño, onde inevitabelmente volvera-la ollada atrás, contemplara-lo teu andar, e nese intre, perante ti, desfilara-lo voso camiñar e saberedes se o carreiro tomado foi o correcto…
Mais falemos de cousas máis tanxíbeis, que menos teñan que ver coa moral, a ética mesma ou a espiritualidade, sen deixar de falar dos camiños, das viaxes e do andar, sen restar-lle ao exposto a maxia que tenta trasladar. Pois, na Galiza son-che moitos as congostras, as corgas, os carreiros, os vieiros que podemos tomar dende calquera dun dos seus puntos cardinais; do norte ó sur, do leste ó oeste; polo litoral e polo seu interior. Hai-nos de todo tipo, largos e estreitos, longos e curtos, pinos e chans, frondosos e áridos, cansos e repousados, benditos e profanos, pero todos naturais e por todos eles desexarás pasear.
Ó norte, pola Mariña, dende Ribadeo até Ortigueira, a vista recreara-se coa espectacularidade das súas paisaxes, nos que salientan a coñecida como Praia das Catedrais, e os baixíos de vertixe nos que só ouve-se o bruar das ondas e o grallar das gaivotas. A altura de Foz, cadrarás co de san Rosendo para atravesar, de arriba abaixo, castros e praias solitarias, para remata-la andanza na Igrexa de Santa Eulalia en Ortigueira.
Polo interior e leste do país, a partir da Igrexa visigoda de Santa Comba, a máis antiga de Galiza, atravesarás parte das provincias de Lugo e Ourense. Ó sur desta última abondan as ermidas e as carballeiras, onde poderás descubrir a longa historia que atesouran as ruínas romanas de Aquis Querqvennis, ou o Mosteiro de San Rosendo ou San Salvador, no Concello de Celanova. Dende este punto proseguiremos até a Ponte Romana de Ourense.
Alí, o mellor e dirixir-se cara a Ribeira Sacra, os Canóns do Sil, onde, conta a lenda, Xúpiter, fillo de Saturno e de Ops, irmán de Neptuno e Plutón, deus romano pai de todos, Amo e Señor dos ceos e casado coa súa irmá xemelga Juno, – unha muller seica moi celosa (e pode que lle sobraran os motivos, pois o seu home, o tal Xúpiter, era-che moi namoradizo) –, unha vez contemplou a bela Galicia, namorou-se perdidamente dela e, segundo a mitoloxía galega, un día que se atopaba rondando-a, Juno descubriu-no. Esta, chea de carraxe, teimou en destruír a Galicia, abrindo no seu corpo unhas feridas tan profundas, que formaron uns profundos sucos. O namorado Xúpiter, inda así, perdoou a súa dona e irmá xemelga e, dende entón, Juno, dende o Monte Pindo, o Olimpo galego, contempla a terra que o seu home non puido posuír e, dese xeito, grazas a ela, Galicia posúe unhas das maiores e máis fermosas paisaxes que se poden admirar e desfrutar: os Canóns do Sil. É por iso que o camiñar por eles é o máis parecido a un paseo preto das divindades, e seguramente debe ser certo, pois é-che unha terra coñecida pola cantidade de Mosteiros que no medievo construíron-se a beira do irmán pequeno do Miño, o Sil. Coma exemplos dos mesmos, podemos darmos un garbeo polos dous máis emblemáticos da comarca: o de Santo Estevo, en Ribas do Sil, e, partindo de Parada do Sil, o de Santa Cristina. Sendeiros que transcorren entre fragas e soutos e a meiga maxia das terras galaicas.
Outra alternativa, das moitas das que dispoñe-mos, é a de probar chegar a Fisterra unha vez conquistado Santiago. Atravesar lugares como Ponte Maceira ou Negreira e remata-lo camiño paseando descalzo pola fina area da Praia da Langosteira, namentres a fría auga do océano aloumiña-los teus cansos pes, non ten parangón. Como colofón subiremos ao miradoiro de Fisterra e, como Artorius O Valedor, a cotío, abraiados contemplaremos a por do sol dende a fin do mundo coñecido. E se o que che gusta é a vertixe, atrévete camiñar a unha cuarta dos baixíos do Camiño dos Faros, aló por Malpica e a Costa da Morte, onde atoparas-te con recantos aínda virxes ou praias como as de Trece, Nemiña ou Rostro.
No sur, preto da miña terra chica, podes-te aventurar polas serras do Galiñeiro ou do Faro, ou mesmo polo Camiño Portugués atravesando todo o Val da Louriña. Mais a provincia de Pontevedra ofrece-che moitas alternativas, como a outra vertente do Camiño entre Pontevedra e Santiago. Sendeiros e carreiros que te levan a través de aldeas dos Concellos de Ponte-Caldelas, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, entre outros. Neste último, podes ir visitar, para facer un pouco de historia, o seu Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, para entender un pouco máis os nosos devanceiros; ou a aldea de Cuspedriños e o seu Campo da Feira; ou a Carballeira de San Xusto; ou as distintas pontes antigas sobre os ríos Almofrei e Lérez, ou mesmamente os enigmáticos petróglifos de Fentáns. Pero se o que che vai é algo máis de aventura, toma un catamarán en Vigo ou Baiona é pon rumbo cara as Illas Cíes e sube até ó Alto do Príncipe, e se non quedas abraiado pola fermosura das súas vistas, é porque nunca coñece-che a beleza.
De tódolos xeitos, na Galiza, unha vez posto un pé fora do teu fogar, xa es un camiñante. E non un calquera, senón aquel que pisa Terra Sagrada e, como xa quedou dito, o aquí exposto, son só unhas poucas pinceladas do que a miña terra pode-che ofrecer a través do seus camiños, e iso sen afondar nos seus principais, que non son máis que os de Santiago, os camiños da fe, que non son outros que os da vida.
E insisto, entre cruceiros, como o de Hío, na península do Morrazo, ou o de Melide, seica o más antigo de Galiza, atopara-lo teu destino, e xa podes elixir ben, pois son máis de 12 000 os que se espallan por toda a xeografía galega, e nesa encrucillada é onde terás que decidir o paso a dar, onde terás que elixir, pois da túa elección dependera-lo teu andar. É como me dicía o meu pai: a cama, se ben a fas, ben durmirás nela e, se a fas mal, mal nela te deitarás.
O camiño é-che coma o tempo: longo ou curto segundo a nosa percepción… pero temos que emprende-lo e alonga-lo máis posíbel que poidamos. É a nosa obriga.
Sempre loitas deica o fin
e no fin morres.
Morres no fin
por loitar polo que queres.
Queres o que non podes,
mais por non poder queres.
Recorres un camiño
que non ten senso,
que vives por vivir
por non esquecer o sido.
O sido que non fuches,
o sido que non serás.
Camiño de verbas
que nunca entenderás.
Camiño de Verbas que Nunca Entenderás
jmpp ‘79
Estes son uns versos, un poema dun bo amigo meu dos tempos de Instituto, José Manuel Pérez Porto, alguén que sen dúbida algunha influíu en min coma escritor. Os camiños da vida afastaron-nos e o último que souben del foi que se Licenciou en Dereito e casou en Ferrol, onde exerce como avogado.
Unha aperta, amigo.
Na fin chegou.
Chegou e lembrou.
Lembrou o sido,
o que foi
e o que nunca quixo ser.
Na fin chegou.
Deja una respuesta